Ola a todas e todos,
Benvidos a esta aventura. Estos últimos días estamos a vivir unha situación bastante estraña coa emerxencia sanitaria do COVID-19 e a medida da corentena que tanto nos limita. Polo que chegou o momento de abrir unha pequena fiestra pola que manter comunicación cos membros da comunidade educativa (cos meus compañeiras/os e, sobre todo, co alumnado do IES As Insuas e as súas familias) e, ó mesmo tempo, dar continuidade ás tarefas informativas e de asesoramento que vimos desenvolvendo ao longo do curso dende o Departamento de Orientación.
En realidade, a idea de adicar tempo e esforozo a unha ferramenta compartida como este blog xa me leva un tempo rondando pola cabeza pero deixábao na lista de "cousas que algún día farei". Porén, as circunstancias nas que nos atopamos non poden ser mellores para retomar antigos proxectos ós cales que non poidemos adicar tempo ou , simplemente, non era o momento para darlles inicio. Coma é o caso deste blog.
É máis, creo que é moi importante para sobrelevar esta corentena, e o illamento que esta supón, o feito de continuar na medida do posible coas nosas rutinas diarias, amosar que nos preocupamos polo benestar das persoas que forman parte da nosa vida (aínda que estos días non as vexamos ou podamos tocalas) e ter a oportunidade de facer preguntas, resolver dúbidas. En definitiva, trátase de sentir que hai alguén ó outro lado dos cables e da pantaia que nos acompaña doutro xeito, pero está ahí e ahí se vai a quedar o tempo que precisemos.
Alegróme moito de comezar esta andadura e de facelo xunto a todos vós.